Contáctanos

Acceso Usuarios

"Lohengrin" na Coruña, 108 años despois

Por Ricardo Almeida.

Houbemos de aguardar os coruñeses e galegos do século XXI case cento e oito anos (desde aquel Maio de 1897), para que se volvese a escuitar ópera íntegra (lembremos o tamén tento histórico da versión de concerto do acto IIIº da Walquiria en 2001 na 49 edizón deste mesmo Festival herculino da Ópera) en alemán nesta cidade da Coruña que ainda pode gabar de ser a única que representou dramas wagnerianos (Lohengrin en data xa referida e Tannhäuser no 1907) ao longo e ancho deste desatinado e afastado país norocidental.

Botamos de menos na prensa, mesmo en Internet, despois da xa gloriosa data do 7 de Setembro, unha digna autoria crítica que dese bo final e broche de ouro a unha afeizón como a coruñesa, que en dia intersemanal e xornada de case cinco horas, respondeu mais que notabelmente á altura do evento que estaba a acontecer diante dos seus ollos e atentos ouvidos. Pero non foi asi, e é por ese motivo que os que nos chamamos wagnerianos e coruñeses, xa no noso 25 aniversário de estadia nesta paixón, non podíamos menos que contribuir cunha pequena reseña, ainda retendo na memoria acordes, peronaxes e situazóns do dia en que o Cabaleiro do Cisne branco desembarcou nestes mares atlánticos para sempre ficar entre nós.

Xa na obertura instrumental, alguns de nós botamos de menos a presenza de algún metal na orquestra, comestos como estaban no cenário (unha pena que despois da ampliazón final do foxo non se puidese contemplar unha maior comodidade para grandes concertos tipo wagnerianos, coros engadidos) e cun compensatório número de cordas que non apagasen un verdadeiro e real son de drama (que non só “ópera”) musical. A soluzón foi intelixente: presenza de trompetas, trombóns de varas e trompas nos laterais e toque de intrumentos ao fundo e detrás da plataforma en momentos determinados da peza.

A Orquestra Sinfónica de Castilla e León foi literalmente apaixonada, pensamos que puxo todo o posíbel en técnica e espírito para que se notase altamente que isto era Wagner e non outra cousa...e conseguiu-no. Talvez pecou cun algo de artificialidade, con boa intenzón sen dúbida, influida en demasia polo seu director S. Bychkov, xenial e expresivo en motivos mui destacábeis da obra (os leiv-motivs que el consideraba que non o eran, menos xenial), exaxerando temas e repuntes dos mesmos cun gosto non tan exquisito como alguns quixéramos (os sons fortes desde as cordas aos platillos do tema do descendimento do Grial deberian partir dun son suave, case chan, para asi evitar fortes un tanto subliñados, sobrecargados): mais delicadeza, ritmo e tempo mais atemperados. Foron poucos os momentos, pero houbo-os, en que a instrumentazón entraba a destempo antes e despois do início do coro. Este coro Nacional Checo, ben en liñas xerais, mui no diapasón do ritmo que lle imprimian direczón e orquestra, ben coordenadas ambas as duas. Notou-se muito traballo, ilusión, muita superazón en algo, tamén é de nobreza dici-lo, que non estaban afeitos a facer.

As voces. Ao contrário que a sobreactuazón da direczón orquestral (insisto, ainda que mui digna), sabian ao que se enfrontaban, coñecian ben a partitura, cinxiron-se a ela, tal e como persoalmente lle comentei á señora Sunnegardh (Elsa) e ela me ratificou, non se quixeron arriscar a experiéncias neófitas, xa que eles eran de curriculum mui pouco wagneriano ou escaso. O resultado, mercé ás suas literais e metódicas (a versión concerto favorece certamente esa tendéncia), nórdicas técnicas de canto que no seu dia defenderan unha B. Nilsson ou a lembrada K. Flagstad, é unha honorábel actuazón chea de profesionalidade a raudais. Non en van, nen mais nen menos que Viena lles aguarda...

As auséncias escénicas que esta versión non representada implican, quitan toda a teatralidade a unha obra musical-dramática (mesmo nos inícios –1847/1850- do Drama Musical) onde o texto vai sendo cada vez mais protagonista da peza wagneriana, onde o subliñado das diferentes mensaxes e temas de certa transcendéncia son vitais para o compreensión do que nos quere transmitir o músico alemán. Estamos diante de Teatro cantado, por muito que a música sexa vital para o entendimento do que o autor chamaba “Arte Total”.

A intenzón é polo momento dar a coñecer en toda Galiza a Wagner e iso capta-se ben, pero por favor non insistamos en versións concerto de futuras e infinitas interpretazóns, para podermos ir, co paso do tempo se se quer, dando pé ao que verdadeiramente nos queria explicar Wagner co seu mundo; para introducir-nos nel, atendamos á música instrumental (a debida, sen un músico de menos nen de mais), cantantes con escola e preparazón de voces dramáticas, amplas voces e palabras que se relacionen con vestiários, con escenografia (por favor, sen astronautas ou nenos de escola anos cincuenta como desgraciadamente xa os temos vistos por España e Europa en diante...), con cantantes de musical preparazón teatral, isto é, expondo todo o posíbel unha integral visión da arte e pensamento estético-musical wagneriano, con sensibilidade a este mundo, cun gosto que seguramente saberá apreciar o xa entendido publico coruñés, ou polo menos que este o poda apalpar, e se non é de afinidade, xa saben que aí está a ópera italiana ou mozartiana, nada a ver co que estou a falar.

Neste teor, vocalisticamente J. Botha (Lohengrin) cumpriu mermadamente as aspirazóns do integral libreto, non pola sua culpa, senon polo formato en que debia cantar. Musicalmente correcto, dramaticamente limitadísimo (o racconto do Grial era para lle tirar mais partido, pero insistamos nas limitazóns do formato). Todos estaban nesa tesitura, pero era cándida no inicial acto Elsa (“soño do Cabaleiro”), despois o seu rosto pasou a dubitativo no segundo acto, enamorada e inquieta no terceiro, arrepentida e apenada na trama final. O esforzo estaba aí e é de agradecer. Mellor ainda en aptitudes interpretativas a nosa Petra Lang (Ortrud): non dubidou en rir-se, en estar despreciativa, en dominar a Friedrich, en agonizar cun soberbio berro no acto e escena finais. Ao noso modesto enteder pode ser unha mezzo con mais que actitudes vocalistas para soprano (muito nos falaron do seu histórico Kundry parsifaliano): estivo xenial e contundente a cantante alemá (Bayreuth sempre marca...), digna de recordo. Ben as aptitudes e actitudes de A. Walker, un tanto inexpresivo nos momentos cúmio do drama; folgadamente cumpridos os papeis do reparto español cos seus cabaleiros: Angel Ódena vai-se-nos agora a facer un Wolfram do anunciado Tannhäuser de Oviedo e quere seguir unha para el interesantísima “experiéncia wagneriana”.

A breve e amigábel conversa nos camerinos cos nosos protagonistas deu-nos unha idea do que a nosa actualmente denominada Asociazón Wagneriana da Galiza (AWG) –anteriormente denominada Asociazón Xuvenil Wagneriana- poderia ter feito para cobrir as necesidades de apresentar a Wagner nesta cidade. Levamos traballando polo compositor de Leipzig durante mais de vinte e cinco anos, levamos feito tres exposizóns, numerosos diaporamas, audizóns comentadas en Santiago, Coruña e Barcelona, editamos durante seis anos unhas das poucas revistas wagnerianas (Nothung) coas que España e Galiza poden contar, colaboramos cos Amigos da Ópera e Instituto Goethe naquel lonxíncuo centenário de 1983 (do cal aqueles nunca deron referéncia no seu libro histórico publicado hai un par de anos), para actualmente seguir investigando na relativamente pequena história do wagnerismo coruñés, o único galego.

Queremos felicitar expresamente á nosa entrañábel entidade de Amigos da Ópera, polo supomos tremendo esforzo para traer tal cantidade de músicos, instrumentos e atrezzos, felicitarmo-nos a nós próprios por sabermo-nos agasallados por posuir un Palácio da Ópera como o que os coruñeses e galegos disfrutamos, e desde aqui celebrar unha aguardada a gritos ben-vinda deste Wagner (ainda non integral, non o esquezamos) que xa non nos debe deixar para nunca mais.

Ao final da actuazón deste xa memorábel Lohengrin escuitamos un espontáneo Viva Wagner!, ao cal nós evidentemente acompañamos (non faltaria mais!) e ao que deberíamos ter engadido un... Mais Wagner, por favor!

FUENTE:

Asociazón Wagnerina da Galiza na Coruña

Setembro de 2005